Logo Casa Lourán

Descubre Casa Lourán

Unha casa rural chea de momentos

Unha casa para gozar dela.

Os xogos

Se tes nenos e nenas ao teu cargo, Casa Lourán é sen dúbida, un destino cheo de marabillas para descubrir, un contorno cargado de estímulos onde saborear a liberdade da aldea.

A visita á nosa granxa, recoller os ovos das nosas galiñas e darlle de comer aos animais pódese converter no mellor parque de atraccións para as vosas crianzas.

Nuestras ocas en el campo
As lembranzas

Os olores, a leña, a pedra, a terra... os obxectos que con tanto cariño sobreviviron ata os nosos días, as comidas, a maxia do colectivo, a unión coa natureza... son moitas as sensacións que a persoa que visita Casa Lourán pode vivir en forma de lembranza.

'Lémbrame á casa da avoa', 'ai... este olor a fume', 'o sabor do leite...', son verbas habituais que simbolizan a melancolía e o gozo de trasladarse a un tempo que descorría sen présas, que nos conecta coa esencia da vida mesma.

A lectura
O faiado das casas era un lugar cheo de misterios. Alí ían parar obxectos que a vida moderna ía relegando ao ostracismo. Alí gardábanse lembranzas de quen xa non estaba, cousas vellas que deixaban de ter utilidade. Alí subían os nenos e as nenas a descubrir segredos ou a vestirse coas vellas roupas no entroido. A Casa Lourán ten hoxe un faiado que se converteu nunha pequena sala de lectura. Os segredos e os misterios quedan hoxe agochadas entre páxinas de papel. Algún libro de antropoloxía e fotografía que explican a vida, libros antigos que levan décadas na casa, novelas ou poesía están disposición de quen queira gozar da lectura un día de choiva. Nun pequeno berce de vimbio, gárdanse tamén variados contos para nenos e nenas.
Biblioteca en el desván
Lumbre
Ao carón do lume

A lareira, cerna da casa galega. Ao redor da lareira fluía a vida toda. Na lareira cociñábase e comíase, na lareira falábase, na lareira contábanse contos, de medo ou de risa, tanto tiña, na lareira cantábase, xogábase, soñábase. A lareira daba calor ao existir das persoas.

Na nosa casa, a lareira segue a ser lugar de encontro, o lume preside o noso salón en calquera estación do ano cando a meteoroloxía acompaña.

O lume na nosa casa asa castañas no outono, seca as botas despois dun día de choiva, acompaña conversas. O lume non é un elemento decorativo, que tamén, pero o lume en Casa Lourán está cheo de vida.

As conversas

O pracer da conversa, ou o pracer do silencio; o pracer do paseo ou o pracer do descanso; o pracer da aventura ou o pracer da lectura.

Son moitos e variados os praceres que se poden atopar nun contorno onde os tempos escapan das présas e os espazos son verdes e cheos de vida.

Tumbarse na hamaca a escoitar os paxariños, conversar en compañía no cenador con vistas á horta ou facer lume na lareira son algúns dos praceres que nos dá a sinxeleza da vida.

Os paseos

O grande pracer de andar sen présas, o paseo, o percorrer dos camiños que te levan a humildes destinos capaces de mergullarte no máis sinxelo dos praceres.

Desde a nosa casa poderás baixar ao río do Canedo, visitar o muíño de Lourán, un lugar cheo de encanto, piar da economía labrega doutros tempos ou chegar á Capela da Ascensión situada na Serra da Loba desde onde se pode ver unha fermosa panorámica do Val de Xestoso.

Durante os paseos poderemos atopar distintas mostras de fauna autóctona, avistar paxaros, cruzar prados rodeados de sebes, cruzar vellas pontes ou introducirnos en frondosas fragas.

Paseo por el campo recogiendo castañas
Cielo estrellado
Vendo as estrelas

Para apreciar a fermosura dun ceo estrelado non é preciso ser grande especialista en astronomía. Choiva de estrelas, a lúa, os planetas visibles ou as constelacións déixanse ver en ceos alonxados das cidades como un agasallo que nos dá sosego e inspiración.

As paisaxes dun firmamento gardan unha chea de sorpresas dentro da inmensidade do ceo con só alzar a nosa vista.

A contaminación lumínica é mínima no ceo da nosa casa, cada noite, cada fenómeno meteorolóxico, pódese converter nun espectáculo marabilloso.

Mención aparte merecen as bágoas de San Lorenzo en agosto que enchen o ceo da nosa casa de estrelas fugaces polas que podes pedir un desexo.

Logo Casa Lourán
Logo FacebookLogo Instagram

+34 679 251 163

info@casalouran.com
Rastrebas, Val de Xestoso. 15315 - Monfero, A Coruña

Isto foi obra de Sr. Concejo