Logo Casa Lourán

Val de Xestoso

Unha paisaxe viva

O Val de Xestoso, un dos vales gandeiros
do Concello de Monfero

Grandes prados rodeados de sebes, frondosas fragas e numerosos regatos, fan da nosa parroquia unha paraxe fermosa para gozar da natureza.

O Val de Xestoso é un dos vales gandeiros do Concello de Monfero. Situado na zona de montaña do Parque Natural das Fragas do Eume, neste val atopamos as paisaxes máis auténticas da Galicia rural.

Rodeado da Serra da Loba, linde natural das provincias da Coruña e de Lugo, desde onde se pode contemplar unhas amplas vistas do territorio e de Pena Fesa, o punto máis alto do concello con 712m, o Val de Xestoso ten como arteria principal o río Frai Bermuz, principal afluente do Eume, en cuxas ribeiras se manteñen unhas das fragas máis frondosas e virxes. No noso Val, cun sector primario vivo, poderás ver de primeira man o traballo tradicional e probar os exquisitos produtos da zona onde o rei por excelencia é o grelo autóctono.

O Miradoiro do Pico de Vales e de Pena Fesa son dous lugares especiais a visitar no Val de Xestoso con vistas desde as que se poden contemplar o mar.

Na Serra da Loba atópase a Capela da Ascensión e a Capela de San Vitorio coa lendaria Pisada de Roldán nunha das rochas próximas. A Fraga da Cortella, a Fraga da Insua Longa, a Fraga dos Curros, o Batán ou a Fonte Mineral, fonte con augas medicinais pertencente no seu día ao Mosteiro de Monfero, son algúns dos paseos a non perder desta contorna.

Arboleda en el Val de Xestoso

É sen dúbida a Carballeira do Dez, un dos lugares de máis encanto da parroquia. Á beira do Río Frai Bermuz, nesta paraxe celebrábase antano unha feira os días dez de todos os meses, de aí o seu nome. Un lugar de baño nun río de augas transparentes e fragas virxes, e un paseo por unha ribeira salpicada por numerosos muíños fan desta zona, solitaria e descoñecida, un dos recunchos máis máxicos das Fragas do Eume.

O Mosteiro de Monfero, de visita obrigada, é sen dúbida a icona e o monumento máis importante do noso concello. 

Monasterio de Monfero en Val de Xestoso
Logo Casa Lourán
Logo FacebookLogo Instagram

+34 679 251 163

info@casalouran.com
Restrebas, Val de Xestoso. 15315 - Monfero, A Coruña

Isto foi obra de Sr. Concejo