As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural no ano 1997. Trátase dun dos Bosques Atlánticos de Ribeira mellor conservados de Europa. O río Eume, que nace na Serra do Xistral e bica ao mar en Pontedeume, ten uns cen quilómetros de lonxitude, e labrou no seu curso final un profundo canón ao redor do cal se manteñen aínda vivas as fragas ás que lles da nome o río.
A espesura deste manto vexetal, transforma a paisaxe nas diferentes estacións do ano cunha variedade de cores que son un agasallo para os sentidos. Carballos e castiñeiros, acompañados de bidueiros, salgueiros, abeleiras, acivros, loureiros ou teixos, conforman estes bosques máxicos ademais dunha ampla colección de musgos e fieitos relitos da Era Terciaria que son unha das xoias das nosas fragas. É doado tamén atopar calquera especie da fauna salvaxe autóctona, lexítimos habitantes deste espazo singular.
Innumerábeis camiños e sendeiros agóchanse entre estas densas fragas, discorrendo, na súa maioría, pola beira ou nas proximidades do río. O Camiño da Ventureira, o Paso da Vella, os cumios de Sanguiñedo ou de Pena Fesa (practicábel en bicicleta) entre outros, conforman unha extensa e variada oferta, que en tempada de outono, vese salpicada de gran variedades de cogomelos.
Ao redor do río Eume existen diferentes empresas dedicadas a organizar numerosas actividades pola beira do río e rutas en kaiak que transcorren polas zonas máis fermosas das fragas. Desde o Mosteiro de Caaveiro até o Mosteiro de Monfero, pasando pola Torre de Andrade, a zona posúe unha morea de tesouros históricos e museos adicados á cultura autóctona e tradicional, así como distintos xacementos arqueolóxicos.
Reliquias da construción civil como muíños ou pontes centenarias comparten paisaxe con restos relixiosos e feudais.