Logo Casa Lourán

A nosa historia

Séculos de vida

A documentación conservada na casa desde séculos atrás remítenos a nomes e historias de vidas que situamos a principios do século XVIII.

Sen deternos máis polas ramas dunha árbore xenealóxica que se vai abrindo e medrando coma os grandes castiñeiros que acubillan a casa do vento, damos un salto no tempo, para chegar xa a comezos do século XX, e tomar como referencia o momento da construción da palleira, do que nos dá conta a inscrición que reza:

«HECHA POR SALVADOR GONZALEZ Y SU HIJO ANGEL G. COUTO SIENDO MAESTRO SU SOBRINO ANGEL G. PAZ. AÑO DE 1917»

Cabe considerar que a casa, xa tería coñecido nos séculos pasados numerosas ampliacións, sendo a palleira a construción máis moderna do conxunto.

Presidindo o actual salón-comedor cos seus respectivos retratos están habitantes da casa de principios do século XX, e acompañándoos atópanse distintas imaxes da vida desta aldea no século pasado. As xentes desta casa tiña sempre abertas as súas portas para convidar a alguén a xantar ou contar un conto.

Co tempo, na Casa de Lourán houbo cambios e emprendéronse novos proxectos, comezando pola ampliación da cabana gandeira e a especialización do gando na produción leiteira, a causa das necesidades que as transformacións económicas foron impoñendo. Actualmente, a elaboración do requeixo, como especialidade propia, segue sendo unha das actividades da nosa granxa.

A Casa Lourán abriu as súas portas ao público como casa de turismo rural en 2001. Desde entón, a lareira de Lourán seguiu fumeando, pero sobre todo é a calor humana acumulada ao longo de séculos un dos aspectos que dalgún xeito veñen a conformar a esencia da nosa Casa, que agora recibe a cantos a ela queiran achegarse.

Logo Casa Lourán
Logo FacebookLogo Instagram

+34 679 251 163

info@casalouran.com
Rastrebas, Val de Xestoso. 15315 - Monfero, A Coruña

© 2024 Casa Lourán | Legal advice | Privacy policy | Accesibility

This has been the work of Sr. Concejo