Val de Xestoso

O Val de XestosoUnha paisaxe viva

O Val de Xestoso é un dos vales gandeiros do Concello de Monfero. Situado na zona de montaña do Parque Natural das Fragas do Eume, neste val atopamos as paisaxes máis auténticas da Galicia rural. Grandes prados rodeados de sebes, frondosas fragas e numerosos regatos, fan da nosa parroquia unha paraxe fermosa para gozar da natureza.

Rodeado da Serra da Loba, linde natural das provincias da Coruña e de Lugo, desde onde se pode contemplar unhas amplas vistas do territorio e de Pena Fesa, o punto máis alto do concello con 712m, o Val de Xestoso ten como arteria principal o río Frai Bermuz, principal afluente do Eume, en cuxas ribeiras se manteñen unhas das fragas máis frondosas e virxes. No noso Val, cun sector primario vivo, poderás ver de primeira man o traballo tradicional e probar os exquisitos produtos da zona onde o rei por excelencia é o grelo autóctono.

O Val de XestosoPaseos solitarios

O Miradoiro do Pico de Vales e de Pena Fesa son dous lugares especiais a visitar no Val de Xestoso con vistas desde as que se poden contemplar o mar.

Na Serra da Loba atópase a Capela da Ascensión e a Capela de San Vitorio coa lendaria Pisada de Roldán nunha das rochas próximas. A Fraga da Cortella, a Fraga da Insua Longa, a Fraga dos Curros, o Batán ou a Fonte Mineral, fonte con augas medicinais pertencente no seu día ao Mosteiro de Monfero, son algúns dos paseos a non perder desta contorna.

É sen dúbida a Carballeira do Dez, un dos lugares de máis encanto da parroquia. Á beira do Río Frai Bermuz, nesta paraxe celebrábase antano unha feira os días dez de todos os meses, de aí o seu nome. Un lugar de baño nun río de augas transparentes e fragas virxes, e un paseo por unha ribeira salpicada por numerosos muíños fan desta zona, solitaria e descoñecida, un dos recunchos máis máxicos das Fragas do Eume.