Fragas do Eume

Fragas do EumeA maxia do bosque

As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural no ano 1997. Trátase dun dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. O río Eume, que nace na Serra do Xistral e bica ao mar en Pontedeume, ten uns cen quilómetros de lonxitude, e labrou no seu curso final un profundo canón ao redor do cal se manteñen aínda vivas as fragas ás que lles da nome o río. 

A espesura deste manto vexetal, transforma a paisaxe nas diferentes estacións do ano cunha variedade de cores que son un agasallo para os sentidos. Carballos e castiñeiros, acompañados de bidueiros, salgueiros, abeleiras, acivros, loureiros ou teixos, conforman estes bosques máxicos ademais dunha ampla colección de musgos e fieitos relitos da Era Terciaria que son unha das xoias das nosas fragas. É doado tamén atopar calquera especie da fauna salvaxe autóctona, lexítimos habitantes deste espazo singular.

Moito que ver, moito que facerVive as fragas

Innumerábeis camiños e sendeiros agóchanse entre estas densas fragas, discorrendo, na súa maioría, pola beira ou nas proximidades do río. O Camiño da Ventureira, o Paso da Vella, os cumios de Sanguiñedo ou de Pena Fesa (practicábel en bicicleta) entre outros, conforman unha extensa e variada oferta, que en tempada de outono, vese salpicada de gran variedades de cogomelos. 

fragas eume

Ao redor do río Eume existen diferentes empresas dedicadas a organizar numerosas actividades pola beira do río e rutas en kaiak que transcorren polas zonas máis fermosas das fragas. Desde o Mosteiro de Caaveiro até Monfero, pasando pola Torre de Andrade, a zona posúe unha morea de tesouros históricos e museos dedicados á cultura autóctona e tradicional, así como distintos xacementos arqueolóxicos.
Reliquias da construción civil como muíños ou pontes centenarias comparten paisaxe con restos relixiosos e feudais. 

fragas eume