vida rural

Galego

Os animais

Os animais domésticos, están loxicamente, moi relacionados coa vida humana. A vida labrega se se caracteriza por algo é pola convivencia harmónica entre as persoas e os animais. É por iso que as túas mascotas, sexan do tipo que sexan sempre serán benvidas na nosa casa. 

Se ti vés de visita á nosa casa, os animais cos que convives pódente acompañar.

 

 

As lembranzas

Os olores, a leña, a pedra, a terra... os obxectos que con tanto cariño sobreviviron ata os nosos días, as comidas, a maxia do colectivo, a unión coa natureza... son moitas as sensacións que a persoa que visita Casa Lourán pode vivir en forma de lembranza. 

 

'Lémbrame á casa da avoa', 'ai... este olor a fume', 'o sabor do leite...', son verbas habituais que simbolizan a melancolía e o gozo de trasladarse a un tempo que decorría sen présas, que nos conecta coa esencia da vida mesma.

 

 

Os xogos

Se tes nenos e nenas ao teu cargo, Casa Lourán é sen dúbida, un destino cheo de marabillas para descubrir, un contorno cargado de estímulos onde saborear a liberdade da aldea. 

 

A visita á nosa granxa, recoller os ovos das nosas galiñas e darlle de comer ao cabalo pódese converter no mellor parque de atraccións para as vosas crianzas.

Os paseos

O grande pracer de andar sen présas, o paseo, o percorrer dos camiños que te levan a humildes destinos capaces de mergullarte no máis sinxelo dos praceres.

 

Desde a nosa casa poderás baixar ao río do Canedo, visitar o muíño de Lourán, un lugar cheo de encanto, piar da economía labrega doutros tempos ou chegar á Capela da Ascensión situada na Serra da Loba desde onde se pode ver unha fermosa panorámica do Val de Xestoso. 

Ao carón do lume

A lareira, cerna da casa galega. Ao redor da lareira fluía a vida toda. Na lareira cociñábase e comíase, na lareira falábase, na lareira contábanse contos, de medo ou de risa, tanto tiña, na lareira cantábase, xogábase, soñábase. A lareira daba calor ao existir das persoas.
Na nosa casa, a lareira segue a ser lugar de encontro, o lume preside o noso salón en calquera estación do ano cando a meteoroloxía acompaña. 

O almorzo

O almorzo da nosa casa non deixa indiferente a ninguén. A diferencia das ceas, servidas nun ambiente de máis intimidade no salón, o día na nosa casa comeza cun almorzo compartido na mesa da cociña.

 

Acompañando a conversa matutina, no almorzo pódese gozar de sabores sen aditivos engadidos. Zume de laranxa natural, leite das nosas vacas, manteiga feita na casa, o requeixo, produto rei da nosa granxa e unha grande variedade de marmeladas feitas cos froitos que nos da o lugar: moras, framboesas, amorodos, figos ou pexegos...

Moment 2 (fr)

Lorem Ipsum is simply dummy text of the printing and typesetting industry. Lorem Ipsum has been the industry's standard dummy text ever since the 1500s...

Os praceres

O pracer da conversa, ou o pracer do silencio; o pracer do paseo ou o pracer do descanso; o pracer da aventura ou o pracer da lectura.
Son moitos e variados os praceres que se poden atopar nun contorno onde os tempos escapan das présas e os espazos son verdes e cheos de vida.
Tumbarse na hamaca a escoitar os paxariños, conversar en compañía no cenador con vistas á horta ou facer lume na lareira son algúns dos praceres que nos dá a sinxeleza da vida.

Vendo estrelas

Para apreciar a fermosura dun ceo estrelado non é preciso ser grande especialista en astronomía.

As paisaxes dun firmamento gardan unha chea de sorpresas dentro da inmensidade do ceo con só alzar a nosa vista. Choiva de estrelas, a lúa, os planetas visibles ou as constelacións déixanse ver en ceos alonxados das cidades como un agasallo que nos dá sosego e inspiración.

A contaminación lumínica é mínima no ceo da nosa casa, cada noite, cada fenómeno meteorolóxico, pódese converter nun espectáculo marabilloso.